Durante as últimas semanas viñemos transitando polos itinerarios que conformaron o Congreso Laicos 2020, primeiro anuncio, acompañamento, formación, agora  rematamos ese camiño centrándonos no cuarto itinerario: presenza na vida pública. O cuarto itinerario reflexa dunha maneira máis clara a idea dun Pobo de Deus en saída, o desexo de “primerear” ao que nos convida o papa Francisco: «É o tempo de homes e mulleres comprometidos no mundo da cultura, da política e da industria, que coa súa forma de vivir sexan capaces de levar a novidade e a ledicia do Evanxeo onde queira que estean.» Así remata o papa Francisco a mensaxe aos participantes no Congreso.

O profesor Agustín Domingo Moratalla titulou a súa intervención: Profetas 3.0. Sanar personas, cuidar vínculos, tender puentes. Presentou un laicado renovado e inconformista, disposto a ser sal, luz e fermento cultural, na sociedade da transformación tecno-dixital e da globalización da indiferenza.

Vivir plenamente vocación laical require estar no mundo sendo sal e luz. O mundo da cultura, da política, do traballo, da economía, pero tamén o ambiente «ordinario» da comunidade na que vivimos – comunidades de veciños, AMPAS, asociacións civís – require un presenza cristiá, que recoñece a autonomía do pluralismo temporal e social pero non renuncia a expoñer as implicacións sociais do Evanxeo: o valor da vida, a dignidade da persoa, xustiza social, coidado do Creación…

Toda persoa bautizada, calquera que sexa a súa vocación, vive a misión desde a eclesialidade e a secularidade. Os fieis cristiáns laicos concretan estas dúas dimensións. A presenza na vida pública adquire unha gran importancia na experiencia da vocación laical. O itinerario “presenza na vida pública” recupera a conciencia da dimensión social da nosa fe e promove que as nosas comunidades sexan unha Igrexa en saída, que existe para evanxelizar, e deste xeito contribúe á liberación de todas as escravitudes e a promover a dignidade de cada persoa. A “cultura do encontro” e a testemuña ofrecida con humildade constitúe a clave desta presenza que ten que atopar novas formas neste cambio de época.

         Ante un mundo plural e complexo a proposta do Congreso non vai por o camiño de dobregarse cara vida intra-eclesial, senón que mostra unha aposta clara de “primerear”, ser igrexa en saída, nas periferias, sendo contemplativos na acción, un cristianismo de fronteira. 

         Desde unha teoloxía e unha espiritualidade do coidado concrétase a vocación profético-solidaria en tres retos culturais: “sanar” persoas, coidar vínculos e tender pontes.

a.- “Sanar” persoas; curar as feridas dos abandonados, establecer unha cultura do encontro e loitar pola xustiza, pedir insistentemente a gracia para perdoar, curar para favorecer a superación do conflicto, porque estamos chamados a confortar, a escoitar, a curar, á promoción dunha saúde integral. Fronte ao individuo, a noción de «persoa» permíteme reivindicar o valor da dignidade da vida humana en relación e como relación. Necesitamos primar o “ser” sobre o “ser útil” (Laudato Si 69).

b.- Coidar vínculos; como solicitude, vixilancia, non estamos ante unha simple actividade ou acción humana, senón un xeito de ser e existir. Os vínculos convertéronse nun ben escaso que debemos fortalecer. Os vínculos non só son relacións naturais ou involuntarias, senón lazos familiares, sociais e culturais. Tamén afectan a vida institucional e condicionan a humanización das institucións que estamos en perigo de interpretar en termos puramente mecánicos. Os lazos ou relacións significativas están no núcleo da vida institucional e a confianza xoga un papel fundamental. A partir das ligazóns establecemos hábitos, regras e normas que non se manteñen soas nin mecánicamente. Nas sociedades atomizadas e fráxiles é importante prestar atención  e coidado aos lazos e as relacións.                                             

c-. Tender pontes, construír espazos de comunicación integral. A ponte axúdanos a pensar na relación entre conexión e comunicación, entre responsabilidade e solidariedade, entre o mínimo de xustiza e o máximo de felicidade. O respecto polo outro e a promoción dunha cultura de responsabilidade non deben ser incompatibles cunha ética de recoñecemento e conexión mutua. Fomentar unha cultura de concordia e o diálogo onde a vida eclesial é unha oportunidade para o recoñecemento mutuo, a harmonía e a reconciliación. Esta é unha tarefa laical prioritaria.

Os procesos de secularización e modernización son un reto para promover unha cidadanía activa e significativa. Os cristiáns somos actores e autores sociais responsables e non só cidadáns críticos que están a defensiva ou se retiran dos procesos de modernización. Debemos ser capaces de tomar iniciativas, lanzar procesos e promover unha cultura de responsabilidade solidaria en todos os niveis.

Invítovos a reler de novo a ponencia Presencia en la vida pública: Profetas 3.0. Sanar personas, cuidar vínculos, tender puentes do profesor Agustín https://www.pueblodediosensalida.com/itinerario-4/ e a ollar as distintas experiencias que se propuxeron no Congreso https://www.pueblodediosensalida.com/experiencias-presencia-en-la-vida-publica/.