Reflexión terceiro itinerario do Congreso Laicos 2020

Procesos Formativos

Fai poucas datas falamos da importancia de irradiar a fe a través das redes sociais recoñecendo que vivimos no contexto dun mundo da sociedade da información. Nalgúns ámbitos, tamén se define o noso mundo como a sociedade do coñecemento, polo que ó coñecemento nos nosos tempos non se limita só ao ámbito académico, senón que está implicado en todos os contextos elementais da vida e da sociedade. Como partícipes desta sociedade a nosa experiencia de discípulos misioneiros impúlsanos para poder dialogar e presentar a Xesús nesta sociedade do coñecemento, polo tanto ser igrexa en saída require formación.
Na ponencia inicial do intinerario de procesos formativos do “Congreso Pobo de Deus en Saída” Gabino Uríbarri presentábamos a necesidade da formación no contexto dunha Igrexa en saída. Pódese retomar na seguinte dirección www.pueblodediosensalida.com/itinerario-3/.
Todos entendemos como é precisa experiencia persoal da misericordia do Señor, que é necesaria a unción do Espírito e os seus dons, que dirixen o discernimento e marcan o ritmo, as formas, a ousadía para comunicar a Boa Nova. Pero, ademais da oración, do compromiso eco-social, da testemuña persoal e da coherencia da vida, tamén necesitamos formación. Formación para levar a cabo a misión, na catequese, na vida pública, na familia, como líder da miña comunidade, cos mozos, no ámbito sanitario, na cooperación internacional, na dirección espiritual, etc. Nun mundo cada vez máis complexo, nunha sociedade que se define como do coñecemento, os cristiáns non podemos ignorar a nosa fe.
Para ser unha Igrexa en saída necesitamos coñecer a nosa fe e saber propoñela. Vemos así un dobre movemento nos itinerarios de formación, coñecer mellor o misterio de Cristo e dar testemuña del. Na exhortación apostólica post sinodal Christifideles laici o papa Xoán Paulo II definía á que nos referimos cando falamos de formación, describe a formación
cristiá como un proceso persoal continuo de maduración na fe e de configuración con Cristo, segundo a vontade do Pai, coa guía do Espírito Santo (ChL 57). Por esta razón, non podemos entendela como unha simple adquisición de coñecemento, senón que debe espertar, promover e nutrir en cada un de nós a comuñón con Cristo. A formación convértese, polo tanto, nun proceso, nun camiño á santidade.
A formación é inherente á vida espiritual, é un elemento esencial para a vivencia da fe e para o testemuño e compromiso público. Ao mesmo tempo, constitúe unha das emerxencias da Igrexa sinodal e misioneira.
A formación é un proceso permanente que dura toda a vida e que nos axuda a vivir a nosa vocación bautismal, de aí a importancia de itinerarios formativos que xeren en nós un dinamismo para responder á chamada e a misión de facer presente o Reino no medio do mundo. Non podemos concibir a formación a partir dunha dimensión individual, formamos parte dun pobo, o Pobo de Deus. A inserción na comunidade é fundamental para que acompañados doutros, camiñemos xuntos. A comunidade axúdannos e estimúlanos, desafíanos a descubrir o plan de Deus e a facelo realidade.
Buscamos fomentar a formación como canle para a unión fe-vida, elemento esencial para desenvolver a misión á que estamos chamados, é un instrumento esencial para poder dar motivos da nosa esperanza no mundo. A Igrexa que peregrina en Lugo, para dialogar amorosamente cos homes e mulleres do noso tempo, precisa dun laicado ben formado. Debemos formarnos para vivir o soño misioneiro de chegar a todas as persoas.
Delegación de Apostolado Segrar
Lugo