Unha das notas buscadas no Cogreso do Laicado foi a sinodalidade, orientou transversalmente todo o traballo, tanto a nivel organizativo como nas dioceses, parroquias e movementos. Tratábase de que todos nos sentíramos co-responsables na definición dos contidos esenciais do proceso, sendo protagonistas da reflexión sobre a vocación e misión dos fieis laicos no contexto actual, sabéndonos partícipes dunha acción pastoral compartida na igrexa. Unha vez rematado o Congreso a sinodalidade é a aposta máis forte para o futuro da nosa Igrexa que peregrina en Lugo.

Pero, que é a sinodalidade? «É a corresponsabilidade e a participación de todo o Pobo de Deus na vida e na misión da Igrexa» (Francisco, Discurso en la Conmemoración del 50 aniversario de la Institución del Sínodo de los Obispos -17 de octubre de 2015). Esta realidade promoveuse dende o Vaticano II pero aínda non chegou a convertese nunha forma de entender a propia Igrexa e por iso o Papa Francisco quere darlle un verdadeiro pulo.

Unha igrexa sinodal será unha realidade cando a pensemos como o Pobo de Deus composto polos seus diversos membros: laicos e ministros ordenados. Ó dicir «Igrexa» debemos pensar en todos os seus membros e non só na xerarquía. E ó dicir «pobo de Deus» debemos pensar en todos os seus membros e non só nos laicos. Isto constátase na Constitución Lumen Gentium no seu segundo capítulo: A Igrexa é «Pobo de Deus».

Para ter unha igrexa realmente sinodal, necesitamos traballar dende diferentes frontes. De aí que o fundamento bíblico-teolóxico e histórico sexa fundamental. Pero tamén as actitudes e as accións que se poden levar a cabo.

É urxente traballar o «empoderamento» dos laicos. O poder é parte da realidade humana só que debe ser exercido para o servizo e non debe crear autosuficiencia nin esixir honras e privilexios. Existe un tipo de poder que implica a autoestima, a capacidade de mirar ó outro como un igual co que un dialoga sen sentir – nin máis nin menos. Neste sentido, é necesario o empoderamento dos laicos porque a súa separación da xerarquía foi tan profunda que moitos laicos -que son autoridade noutras áreas da realidade- non son capaces de asumir a súa vida de fe con suficiente responsabilidade e de ser protagonistas do camiñar eclesial. O empoderamento asume a responsabilidade da súa propia fe, formarse nela e poder propoñer accións que sexan necesarias. É a capacidade de dialogar coa xerarquía sabendo que o valor da súa palabra provén do bautismo, o sacramento fundamental da vida cristiá.

Necesítanse estruturas para facer posible unha Igrexa sinodal, comezando por fortalecer os órganos de traballo do laicado na pastoral parroquial, crear foros de laicos a nivel diocesano, cambiar as estruturas dos Sínodos.  Os temas tratados alí inclúen a todo o Pobo de Deus e todos os seus membros teñen moito que dicir, propoñer e decidir. Estas estruturas son difíciles de mover e baséanse na tradición «do que sempre foi así». Pero a aposta do Congreso do Laicado segue o vieiro da sinodalidade e hai que dar pasos a diante.