Como nos últimos anos, a Delegación de Apostolado Seglar de Lugo organiza dúas tandas de exercicios, uns no mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes, e outros na Casa Diocesana de Exercicios de Lugo.

sobrado dos monxes

Non cabe dúbida que un dos tempos fortes por excelencia para todo cristián é o de Coresma. Pois ben, ao lanzarse estas tandas de exercicios se dá a posibilidade de que seglares membros de movementos e asociacións, ou ben que colaboran nunha parroquia ou pertencen a unha confraría, ou ben son laicos non asociados, participen activamente neste tipo de retiros espirituais.

Por outra banda, son actos de verdadeira comuñón eclesial, un camiñar conxunto da igrexa, e incluso non pechada na nosa diocese de Lugo, senón tamén acollendo a seglares da diocese de Mondoñedo-Ferrol e da archidiocese de Santiago de Compostela.

Os exercicios no mosteiro de Sobrado adoitan constar de catro charlas e adecúanse á liturxia das horas e aos tempos de silencio e de compartir experiencias. Por así dicir, teñen un carácter máis interno, recomendándose a estancia completa.

lugo

En canto aos que se realizan na Casa Diocesana de Exercicios de Lugo, posibilitan un espazo de reflexión e oración, nun entorno cun número considerable de asistentes. Quen viva na capital pode incluso acudir a pé, aínda que pode durmirse na Casa, se así se desexa.

Velaí os horarios:

  • Do venres 6 ao domingo 8 de marzo de 2015, exercicios en Sobrado dos Monxes, impartidos polo prior, D. Carlos Gutiérrez Cuartango. Comezamos o venres 6 de marzo coa oración das vísperas coa comunidade do monxes, ás 19:00, pero convén chegar antes para situarse no lugar e nas habitacións; e rematamos o domingo 8 de marzo co xantar. A pensión completa é 45 €/día, e de venres a domingo son 90€.

  • Do venres 13 ao domingo 15 de marzo de 2015, exercicios na Casa Diocesana de Exercicios de Lugo, impartidos polo sacerdote, misioneiro comboniano, párroco de Palas de rei e anexas, D. Juan Antonio Fraile Gómez. Comezamos o venres 13 de marzo ás 19:00 e rematamos o domingo 15 de marzo co xantar. A pensión completa son 38 €/día e son 12 € só xantar ou 10 € só cea.

Tedes aquí a convocatoria: Apostolado Seglar díptico ejercicios, pero quen teña dúbidas ou queira máis información, pode enviar un correo electrónico ao seguinte enderezo: laicos@diocesisdelugo.org ou chamar aos teléfonos 981922392 ou 639938216.

É unha graza poder dispor destes encontros, aproveitémolos. Animádevos, é bon coidar a nosa interioridade, como tamén coidamos outros aspectos das nosas vidas.

Cartel ejercicios 2015