Como todos os anos cando nos achegamos á solemnidade de Pentecoste, momento litúrxico onde se celebra o Día da Acción Católica e do Apostolado Seglar, a Comisión Episcopal de Apostolado Seglar (CEAS) lanza unhas indicacións en torno á aplicación práctica á vida dos seglares deste tempo forte.

O lema deste ano 2014 é “A Christifideles laici á luz da Evangelii gaudium”, lembrando os 25 anos transcurridos dende a publicación por San Xoán Paulo II daquela exhortación, documento tan relevante sobre o papel dos laicos, e que aínda cómpre profundizar nas súas aplicacións concretas, agora xa enriquecidas pola exhortación do papa Francisco.

Cartel Pentecostes 2014

Destacamos o seguinte parágrafo da mensaxe dos bispos, pola súa destacada actualidade:

A festividade de Pentecoste débenos servir para crecer na conciencia da eficacia da acción do Espírito Santo sobre cada un de nós e a converternos, en expresión do papa Francisco, en evanxelizadores con Espírito: «En Pentecoste, o Espírito fai saír de si mesmos aos Apóstolos e transfórmaos en anunciadores das grandezas de Deus, que cada un comeza a entender na súa propia lingua. O Espírito Santo, ademais, infunde a forza para anunciar a novidade do Evanxeo con audacia (parresía), en voz alta e en todo tempo e lugar, incluso a contracorrente. Invoquémolo hoxe, ben apoiados na oración, sen a cal toda acción corre o risco de quedarse baleira e o anuncio finalmente carece de alma. Xesús quere evanxelizadores que anuncien a Boa Nova non só con verbas, senón sobre todo cunha vida que se transfigurou na presencia de Deus» (Evangelii Gaudium, 259).

A Delegación de Apostolado Seglar de Lugo, coa colaboración da Delegación de Misións, invita a toda as persoas, especialmente aos seglares, a vivir con ledicia esta festa do Espírito Santo, quen nos convoca á Igrexa a traballar por unha terra nova e unha mesa común na que todos poidamos compartir o noso alimento e as nosas inquedanzas máis profundas.

foto xabi blancoAs actividades previas ao Día do apostolado seglar dan inicio o venres 6 de xuño, ás 20:00, cunha charla de Xabier Blanco, salesiano, director do Colexio “Divina Pastora” de Lugo, que tratará sobre o lema deste curso a nivel diocesano: “A fe, luz da vida”. O lugar da conferencia é o salón de actos do Seminario Maior de Lugo, como noutras ocasións.

Ao día seguinte, o sábado 7 de xuño, a vixilia de Pentecoste será esta vez na parroquia de Santiago A Nova de Lugo, a cal comezará ás 20:00. Este ano haberá unha novidade significativa: ao rematar a vixilia, poderemos contar cun concerto breve de “Xaquín e a súa banda”. Agradecemos especialmente a Xaquín R. Pomares, cantautor cristián de referencia en Galicia, a aceptar a invitación de compartir as súas cancións cos asistentes, tanto nenos, xóvenes como adultos.

Por último, o Día da Acción Católica e do Apostolado Seglar, o domingo 8 de xuño, celebraremos a solemnidade de Pentecoste cunha eucaristía, presidida polo noso Bispo, D. Alfonso Carrasco, na catedral de Lugo, ás 13:00.

Triptico Pentecostes Lugo 2014

Confiamos que estes actos nos conduzan a respostar con xenerosidade á invitación dada polo Espírito Santo para acoller os seus dons e facelos visibles nas nosas vidas.

Delegación de apostolado seglar de Lugo

Mensaxe dos bispos da CEAS con motivo do Día da Acción Católica e do Apostolado Seglar 2014