Neste tempo pascual de maio, continúan os encontros formativos para seglares en distintos lugares da nosa diocese. Máis concretamente este venres 9 de maio de 2014, haberá os seguintes encontros:

Este venres, 9 de maio, ás 20:00, continúa a formación en Sarria, nos locais da parroquia de Nosa Señora do Rosario (rúa Formigueiros, s/n), e nesta sesión abordarase o tema de “Familia e educación dos nenos”, reunión dirixida polo matrimonio Rafa Veiga e Marian, membros do movemento de Laicos Josefinos.

el_rosario

Este mesmo venres 9 de maio, ás 20:30, en Monforte de Lemos, nos locais da parroquia de S. Antonio (rúa Manuel María, s/n), abordaranse o tema de “Actividade profesional e política como campo de actuación pública”, reunión guiada por Marta Rodríguez, mestra e membro da asociación diocesana Arela. Este tema está encadrado na temática elixida, que ten relación co documento Los católicos en la vida pública, aprobado pola Comisión Permanente da Conferencia episcopal española o 22 de abril de 1.986.

monforte-dende-san-vicente_4404517

Por último tamén este venres 9 de maio, ás 20:30, en Quiroga, no salón da parroquia de S. Martiño de Quiroga (rúa S. Martín de Abaixo, s/n), haberá outra reunión á que asisten con periodicidade quincenal un bo grupo de laicos da zona de Quiroga e San Clodio, acompañados dos sacerdotes Manuel Areán, Jesús Río e Manuel Cardenal, en torno a unha formación integral dos seglares e a un compromiso vivo na Igrexa.

25189-quiroga-iglesia-de-quiroga

O compromiso evanxelizador é de todos na Igrexa, porque todos os bautizados somos Igrexa, de aí que son tan importantes estes esforzos formativos para facer que os cristiáns deamos razóns da nosa esperanza, con palabras e con xestos concretos. Nesta liña o papa Francisco, na Exhortación apostólica Evangelii Gaudium, chama á Igrexa a estar en misión, como o di expresamente no nº 25: Espero que todas as comunidades procuren poñer os medios necesarios para avanzar no camiño dunha conversión pastoral e misioneira, que non pode deixar as cousas como están. Xa non nos serve unha «simple administración». Constituámonos en todas as rexións da terra nun «estado permanente de misión».

De cada un de nós depende actuar esta chamada a unha Igrexa misioneira, que leve a un compromiso por responder coas nosas vidas e dar testemuño de amor verdadeiro nos nosos ambientes.