UN MUNDO NOVO, PROXECTO COMÚN
Ante a LV campaña de Mans Unidas

manosunidas_campana2014
Queridos irmáns,
a esperanza dun mundo novo atravesa a experiencia dos pobos, que sempre sufriron na historia e non é sentida menos agudamente na actualidade, aínda que por un instante tivésemos a ilusión de que a realización deste soño milenario xa estaba case ao alcance do poder humano. É verdade que o aumento do noso coñecemento da contorna e das técnicas para intervir nel permitiu responder a moitas necesidades. Con todo, aínda que crecesen as nosas posibilidades de acción -sempre nos límites da natureza-, seguen existindo inxustizas tan vellas como a fame e as guerras, e apareceron novas formas de exclusión dos bens da terra. A suma das inxustizas e dos sufrimentos, tantas veces evitables, fainos percibir a urxencia de poñer en común forzas e capacidades, para facer posible unha novidade real no noso mundo.
Esta novidade ha de estar enraizada no home, na súa conciencia e corazón, para evitar que o crecemento do noso poder aumente a arbitrariedade e a impunidade, e desapareza na persoa o sentido dunha xustiza e unha fraternidade elementais. Poder dispor dos recursos -e da vida- doutros, sen ver os seus rostros nin pensar no seu ben, fixo posible o que o papa Francisco chamou unha “cultura do descarte” do débil, do que non contribúe ou obstaculiza o meu enriquecemento.
Esta inhumanidade do corazón converte en daniño un poder chamado a servir para o ben. Por iso, é moi importante comprender que non haberá mundo novo sen home novo, nin proxecto común sen sentido da fraternidade, sen que atope acollida en nós a pregunta elemental: onde está o teu irmán?
A esta urxencia primeira e fundamental non responde o crecemento das nosas técnicas, senón a novidade do corazón: reconciliado e non fracturado, amado radicalmente e non encerrado na soidade, capaz de gratuidade e libre da necesidade de apoderarse de todo. Este cambio profundo e persoal, que nos permite vivir como irmáns, é froito do don dun Amor inmenso, cuxo encontro cambia a existencia e os seus horizontes. Xérao sempre o coñecer e crer no Amor de Deus, que nos é dado en Xesucristo. A gratuidade, o sentido da fraternidade deben estar desde o principio na mente e o corazón, para que o uso do noso poder -e das nosas riquezas- sirva a un mundo novo. A fe, a esperanza e a caridade deben alentar no íntimo, para que resplandeza a fraternidade, para que busquemos camiños que deixen atrás as inxustizas e saibamos estar a carón de quen sofre.
A campaña de Mans Unidas convídanos certamente a dar con xenerosidade, a axudar aos necesitados. Pero así convídanos a algo máis grande: a cambiar a mentalidade. Dános testemuño de que existe esperanza, de que é posible novidade real no noso mundo; e lémbranos a prioridade da fraternidade e da caridade en tempos en que o risco do individualismo e da soidade é grande. Un ano máis, a campaña de Mans Unidas pode axudarnos a descubrir o máis importante de nós mesmos, quen somos, cal é a nosa fe e a nosa esperanza. Porque o xesto da caridade faranos volver a mirada de novo, e con maior confianza, cara ao noso Señor, en quen atopamos perdón e amor e de quen recibimos un Espírito activo e incansable, que nos fai recoñecer a Deus como Pai de todos, e a cada home como irmán.
Esta fraternidade concretamente vivida será sempre unha novidade o mundo. Dela poderá xurdir un traballo e un proxecto común, no que o máis necesitado non sexa o excluído, senón o coidado en primeiro lugar.

+ Alfonso Carrasco Rouco
Bispo de Lugo