Comezamos este mes de febreiro, con máis formación para seglares en distintas zonas da nosa diocese.

Este venres, 7 de febreiro de 2014, ás 20:00, comeza a formación en Sarria, nos locais da parroquia de Nosa Señora do Rosario (rúa Formigueiros, s/n). Tratarase o tema da familia durante este curso, e a primeira sesión será “A familia, igrexa doméstica”, reunión dirixida por Alfredo Losada, Delegado de apostolado seglar.

Sarria VII

O venres seguinte, 14 de febreiro de 2014, ás 20:30, en Monforte de Lemos, nos locais da parroquia de S. Antonio (rúa Manuel María, s/n), abordaranse o tema do «Fundamento cristián de actuación na vida pública: caridade política«, reunión guiada por Breogán Udías, educador social e membro de Arela. Este tema está encadrado na temática elixida, que ten relación co documento Los católicos en la vida pública, aprobado pola Comisión Permanente da Conferencia episcopal española o 22 de abril de 1.986.

Por outra banda, o vindeiro martes, 18 de febreiro de 2013, ás 19:30, en Melide, no salón da parroquia de S. Pedro (rúa Mateo Segade, nº 2), tratarase o tema «O compromiso sociopolítico na familia«, reunión dirixida polo matrimonio Juan López e Yolanda Sánchez, membros de Arela e colaboradores na parroquia coruñesa de S. Cristovo das Viñas. Estas reunións xiran en torno á temática elixida, que este curso 2013/2014 é a familia, igrexa doméstica.

Que bo sería que os laicos aproveitemos estas oportunidades que se nos brinda desde a igrexa, de cara a unha formación e corresponsabilidade dos seglares na misión evanxelizadora. Tamén o papa Francisco incide neste xeito de facer igrexa na recente Exhortación apostólica Evangelii Gaudium, e e concretamente no nº 120 sinala:“Cada un dos bautizados, calquera que sexa a súa función na Igrexa e o grado de ilustración da súa fe, é un axente evanxelizador, e sería inaxeitado pensar nun esquema de evanxelización levado adiante por actores cualificados onde o resto do pobo fiel sexa só receptivo das súas accións. A nova evanxelización debe implicar un novo protagonismo de cada un dos bautizados.”

Que ese compromiso bautismal, no seu día iniciado polos pais e padriños, sexa renovado, para dar resposta a ese amor de Deus aos nosos irmáns, en especial aos que sofren.

luz y palabra